Friday 29 de March de 2024

O goberno municipal aposta pola rehabilitación de varias naves dos Areos


O alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), trasladoulle neste 1 de outubro ao deputado de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez-Reino, a situación actual da praia dos Areos e a zona urbana adxacente, as súas potencialidades como recurso marisqueiro, como valor patrimonial relacionado coa existencia do barrio industrial e tamén como espazo natural a rexenerar e protexer. Nunha reunión na casa consistorial, na que tamén estivo presente o coordinador de Galicia en Común, Xiao Varela, abordaron toda a problemática asociada para, finalmente, presentar cal é a proposta do actual goberno municipal para a referida zona. Posteriormente, desprazáronse ata as naves que o Concello busca protexer: as situadas entre a ponte de Santo Antonio e a antiga discoteca Bumerang. Alí tamén estiveron acompañados da concelleira dos Servizos Municipais, Estefanía Ramos (Nós Pobra).

O rexedor anunciou que a Administración local ten preparado un proxecto para a rehabilitación dos referidos inmobles, cun futuro multifuncional, e cun claro obxectivo de preservar o patrimonio. A inversión superará o millón de euros e estudaranse as posibles liñas de financiación a través das administracións públicas, entre elas, o Estado, quen é propietario das edificacións. Así mesmo, no encontro trataron o proxecto que houbo no seu día de Costas para rexenerar a dita área e que supoñía retirar o actual paseo marítimo e retranquea-lo cara as naves, elimina-lo tramo de estrada e intentar recuperar a praia “que todos sabemos que ten graves problemas de perda de áridos e, aínda que este ano fixemos unha redistribución, é un proceso que sigue.” Neste senso, fixo referencia a que redundaría nun beneficio medioambiental, así como maior espazo para desfrute da veciñanza e visitantes. O mandatario local expresou o seu agradecemento ao deputado pola súa presenza e o seu interese no proxecto.

Doutra banda, o deputado Antón Gómez-Reino puxo de manifesto a importancia de traballar para que as diferentes administracións públicas se impliquen no proxecto presentado polo Concello. Indicou así que “é imprescindible apoiar con financiación pública, tamén por parte da administración do Estado, un proxecto como este” polo que amosou o seu apoio ao goberno municipal “que está pensando en coidar o que había previamente e facilitar que un areal coma este que, ademais de fermoso e constituír unha zona produtiva, teña un futuro uso para todos e todas.”